A Concellería de Cemiterios que dirixe Sergio Casal comunica á veciñanza que amplía o prazo para regularizar a ocupación de nichos de titularidade municipal, por tres meses máis. O prazo anterior vencía mañá, día 5 e polo tanto agora amplíase ata o 6 de agosto. Esta decisión está baseada no problema de falta de espazo no Cemiterio Municipal cos nichos de titularidade do Concello que levaban ocupados máis de 10 anos. O bando da Alcaldía que reproducimos indica que se lle solicita á veciñanza que teñan inhumados nos nichos de propiedade municipal a familiares e que tiveran transcorrido máis de 10 anos, procedan a retirada dos restos e a limpeza para poñelos a disposición do Concello. Durante o primeiro prazo baleiráronse 25 nichos e están en trámite outras 15 exhumacións máis.
O ciclismo volverá ás estradas da bisbarra cunha competición como a “Challenge Rías Baixas” que neste ano 2021 vai cumprir a súa quinta edición, coa organización do club “Master da Louriña”. A proba, de rango nacional, terá lugar na fin de semana do 8 e 9 de maio, cando o Goberno Central ten previsto que decaia o estado de alarma e que se alivien moitas das restricións que aínda temos hoxe.
O Concello do Porriño instará á Xunta de Galicia para o deseño e execución dun Plan de Vixilancia Ambiental da Actividade Mineira. O acordo, adoptado por unanimidade pola corporación local no pleno municipal de abril celebrado onte, xurdiu a instancias do grupo EU SON que presentou unha moción con esta proposta referida á actividade mineira na parroquia de Budiño. Durante o debate da mesma, engadiuse que o devandito Plan de Vixilancia Ambiental tamén chegue ás explotacións mineiras de Atios, Chenlo e Cans.
A páxina web do Concello publica hoxe un documento de corrección de erros para que se corrixan algunhas das solicitudes presentadas para o Plan "Impulsa Porriño" de axudas ao comercio e á hostalería. O mesmo documento de corrección de erros publicouse hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO) como é preceptivo. De xeito que os solicitantes que xa presentaron documentación para a súa participación nesta liña de axudas, disporán dun prazo de 10 días adicionais -datas hábiles- a contar a partir de mañá venres 30, para corrixir a súas solicitudes.Toda a convocatoria así como as bases e documentos para as solicitudes poden consultarse na web do Concello premendo sobre o "banner" "Porriño Impulsa". Engadimos documento "pdf" coa corrección de erros
A Consellería de Sanidade explicou que a decisión, adoptada xunto co comité clínico asesor, de pasar ao concello do Porriño a un nivel medio de restricións débese á detección de novos infectados coa ocasión do recente cribado feito. Na roda de prensa ofrecida hoxe polo conselleiro e os seus principais colaboradores para explicar os acordos de onte, indicouse pola doutora Carmen Durán, directora xeral de Saúde Pública que "está a producirse un incremento en toda a comarca" e citou expresamente que no Porriño pasamos de 1 a 15 casos. "Estamos a realizar un seguimento", engadiu. Segundo os datos que comunicou hoxe o propio Servizo Galego de Saúde, O Porriño ten 16 casos nos últimos 7 días; 18 en 14 días e a taxa de incidencia situouse en 91.
O Concello do Porriño informa de que o prazo para presentar as solicitudes para beneficiarse das subvencións municipais ás comunidades de auga potable, que este ano 2021 teñen un importe total de 95.000 €, rematará o vindeiro luns 3 de maio.
Esta mañá comunicouse aos grupos políticos da corporación, a convocatoria do pleno municipal ordinario de abril que terá lugar este mércores 28, a partir das 18 horas. Entre os asuntos máis salientables figura a moción que traslada o grupo municipal de EU SON para un plan de vixilancia ambiental sobre a actividade mineira na parroquia de Budiño.E pola súa transcendencia económica, un suplemento de crédito, financiado con remanente de tesourería, por importe de 457.000 €. Unha parte desa cantidade (415.000 €), para abonar el servizo de recadación municipal delegado no ORAL. A parte restante, 42.000 € son para abonar facturas en cumprimento de sentenzas xudiciais.Adxuntamos a orde do día da sesión.
A alcaldesa Eva Garcia explicou hoxe aos asistentes á reunión telemática da Comisión Municipal de Seguimento da Covid que o motivo do cribado convocado polo Sergas para o vindeiro domingo “está relacionado coa aparición dun brote nunha empresa do Porriño”.
Con data de hoxe, o Concello do Porriño comunicou ao SERGAS a concesión de licenza de construción para a proxectada reforma e ampliación do Centro de Saúde, segundo comunicou Pedro Pereira, concelleiro de Infraestruturas e Urbanismo. O primeiro tenente de alcalde manifestou que “unha vez máis urximos á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia para que acometa a prometida ampliación”. O licenza de construción é para unha ampliación de 1.105 metros cadrados do actual inmoble e conta cun orzamento de 2,9 millóns de euros. A licenza outorga concédese baixo varias condicións: previo ao comezo das obras, o Servizo Galega de Saúde deberá achegar ao Concello entre outros trámites, proxecto de execución e constituír unha garantía cuxo importe calcúlase nunha cantidade de 7.800 euros para facer fronte a posibles danos na vía pública e nos bens municipais durante a execución das obras.
A alcaldesa Eva Garcia convocou para mañá venres, ás 11 horas, reunión da Comisión Municipal de Seguimento da Covid na que se abordarán as últimas novidades entre as que figura a realización dun cribado polo Servizo Galego de Saúde que convocará a 6.000 persoas da contorna. As probas de PCR realizaranse o domingo 25.
O Concello informa da convocatoria de dúas comisións municipais, a celebrarse hoxe mércores., que prepararán o temario de asuntos que formarán parte da orde do día do pleno municipal de abril.
Os deputados provinciais, Santos Héctor e Ana Laura Iglesias, acompañados da alcaldesa do Porriño, Eva Garcia, do primeiro tenente de alcalde, Pedro Pereira e dos concelleiros Lourdes Moure e David Alonso comprobaron hoxe en Torneiros o resultado das obras de asfaltado realizadas polo Concello, sufragadas coa achega da Deputación de Pontevedra, a cargo do Plan Concellos 2020. Tamén participaron do percorrido Enrique Navarro, xerente e Lucía Barros, directora de obra da empresa "Fechi" que foi a contratada para executar os asfaltados.