O Porriño fai historia cun Pre-fin de ano multitudinario que reuniu a máis de 10.000 persoas

París de Noia puxo a banda sonora a unha noite inesquecible coas badaladas protagonizadas por Fátima Pego e Claudio Giráldez

A xornada arrancou pola mañá coas badaladas infantís das 12:00 horas e unha ampla programación pensada para os máis pequenos

O Porriño, 31 de decembro de 2025. – O Porriño viviu o penúltimo día do ano unha xornada histórica coa celebración dun Pre-fin de Ano multitudinario que reuniu a máis de 10.000 persoas, consolidando ao municipio como a gran referencia galega desta celebración anticipada. A veciñanza e milleiros de visitantes volveron responder de maneira masiva a unha cita xa plenamente asentada no calendario festivo e cultural do concello.

O punto álxido da xornada chegou pola noite coa gran festa celebrada na rúa Domingo Bueno, onde milleiros de persoas se congregaron para despedir o 2025 e dar a benvida ao 2026 por adiantado. A Orquestra París de Noia, cun espectacular dobre pase, foi a gran protagonista musical dunha noite marcada pola emoción e o ambiente festivo.

Un dos momentos máis agardados produciuse coas doce badaladas, conducidas pola presentadora e cantante Fátima Pego e polo adestrador do RC Celta e porriñés Claudio Giráldez, que protagonizaron un dos instantes máis aplaudidos da celebración.

A presenza de público procedente de numerosos concellos da contorna foi unha constante ao longo de toda a xornada. Os propios condutores do evento coincidiron nunha mesma idea, resumida nunha frase que se escoitou en repetidas ocasións durante a noite: “esta noite todos somos do Porriño”, reflectindo o carácter aberto, acolledor e colectivo da celebración.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subiuse tamén ao escenario para compartir ese momento coa cidadanía e dar a benvida ao novo ano. “O Porriño volve demostrar que é a capital por excelencia do Pre-fin de Ano en Galicia, cunha festa pensada para todos os públicos e vivida con respecto, participación e ilusión”, sinalou o rexedor, quen aproveitou tamén para desexar boas festas a toda a veciñanza e ás persoas visitantes. Nese mesmo momento, unha das veciñas máis queridas e lonxevas da vila, Juaniña, subiu cos seus 101 anos tamén ao escenario e animouse a felicitar o aninovo, protagonizando un dos instantes máis entrañables da noite e arrincando un longo aplauso do público.

Tralas badaladas chegou o brinde colectivo e, como colofón especial, realizouse oun reparto de balóns asinados polo propio Claudio Giráldez, un xesto moi celebrado polo público. A festa continuou co segundo pase da Orquestra París de Noia, prolongando a celebración ata ben entrada a noite, que rematou cunha animada sesión DJ a cargo de Groove Amigos.

Un Pre-fin de Ano para tódalas idades e gustos

A celebración comezou xa pola mañá coa festa infantil na Praza do Concello, onde os nenos e nenas foron protagonistas do seu propio Pre-fin de Ano. Ás 12:00 horas tiveron lugar as badaladas infantís, tras unha mañá chea de xogos, obradoiros e animación a cargo de As Maimiñas, e coa actuación musical de Xeración M, nun ambiente familiar e festivo.

Xa pola tarde, a música tradicional tomou as rúas co pasarrúas das tres rondallas: a Rondalla de Santa María do Porriño, a Rondalla da Asociación Recreativa Santa Eulalia de Atios e a Rondalla Cultural Musical de Pontellas, que percorreron o centro da vila enchendo O Porriño de son e tradición. A programación musical completouse cunha sesión DJ de Dumore, que quentou o ambiente antes da gran festa nocturna.

Ao longo da xornada, o Concello repartiu uvas, cotillón e chocolate quente de balde, contribuíndo a crear un ambiente participativo e accesible para todos os públicos.

Nadal no Porriño ata o 11 de xaneiro

O Pre-fin de ano forma parte dunha ampla programación de Nadal que continuará no Porriño ata o 11 de xaneiro, con propostas culturais, musicais e de lecer para tódalas idades. Entre as próximas citas destacan o Porriño Peque Fest, que se celebrará os días 2, 3 e 4 de xaneiro, e a tradicional Cabalgata de Reis do 5 de xaneiro, ademais de espectáculos, animación de rúa e o certame de rondallas.

Con esta programación, o Concello do Porriño reafirma a súa aposta por un Nadal diverso, participativo e pensado para fortalecer o espírito comunitario que caracteriza estas datas.

NOVAS / CONCELLO
WhatsApp Image 2026-03-18 at 11.48.28.jpg
O Porriño encara a recta final para contar por fin cun auditorio moderno e versátil
A obra do futuro auditorio municipal avanza a bo ritmo e permitirá dotar ao Porriño dun espazo escénico de referencia, adaptado ás necesidades actuais da programación cultural e do tecido asociativo local.
WhatsApp Image 2026-03-18 at 14.32.19.jpg
O Multiusos de Torneiros acolle novos obradoiros para achegar a tecnoloxía á cidadanía
O Concello do Porriño, en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios, pon en marcha no Multiusos de Torneiros dous novos obradoiros de formación dixital dirixidos á veciñanza en xeral e ás persoas maiores de 60 anos. As actividades desenvolveranse durante o mes de abril en horario de mañá, con continuidade en maio e xuño, e requiren inscrición previa dentro dos prazos establecidos.
WhatsApp Image 2026-03-17 at 14.11.38.jpg
Adxudicadas as obras que mellorarán a rede de sameamento en Budiño
O investimento nesta actuación sitúase arredor dos 180.000 euros, consolidando unha mellora significativa das infraestruturas hidráulicas na parroquia de Budiño.
FOTO 1 (3).jpg
Sergio Rodríguez parte do Porriño con moita forza para disputar o Campionato de Europa Máster en Polonia
O atleta, que foi recibido polo alcalde, Alejandro Lorenzo, vén de conseguir dous ouros no Campionato de España Máster 35 de Pista Cuberta.
Canal de Denuncias Fondos Europeos
Canal de Denuncias Fondos Europeos
WhatsApp Image 2026-03-16 at 13.34.33.jpg
O Porriño pecha 2025 co maior superavit da historia: 7,46 millóns, con 11,5 milóns de remanente e sen facturas pendentes
O documento de liquidación orzamentaria ratifica a solvencia do Concello, que reduce o pago a provedores de 501 días en 2021 a un mínimo histórico de 38 días e elimina por completo as facturas sen aplicación orzamentaria
FOTO 1 (3).jpg
O Porriño acolle a presentación da biografía do empresario José Fernández López
A obra, galardoada co XXI Premio LID de Biografía Empresarial, reconstrúe a traxectoria dun empresario discreto pero decisivo, cuxa pegada segue presente décadas despois.
WhatsApp Image 2026-03-12 at 09.38.50.jpg
O Concello do Porriño remata as súas Xornadas formativas sobre alimentación saudable nos centros educativos da vila
As actividades, impulsadas pola Concellería de Sanidade e a OMIX no marco do Plan de Saúde Local e coa colaboración do Sergas, realizáronse en horario lectivo ao longo de catro xornadas nas que participaron case 400 alumnos e alumnas.