O Porriño denuncia a paralización indefinida da supresión do paso a nivel pese a ter o proxecto e o convenio xa preparados

O alcalde explica a situación trala última reunión con ADIF logo da cal “nos sentimos manipulados, esquecidos e enganados” e anuncia medidas do Concello para reclamar a reactivación da obra “defenderemos esta infraestrutura en tódalas instancias, esixindo igualdade de trato e o cumprimento dunha obra que xa debía ser unha realidade”

O Porriño, 5 de decembro de 2025.- O alcalde do Porriño Alejandro Lorenzo vén de explicar a situación actual da supresión do paso a nivel que parte en dous a vila dende fai máis de medio século. “Lamento profundamente esta nova situación, que implica a paralización indefinida desta actuación e demanda histórica de toda a veciñanza. Logo de ter xa o proxecto redactado e o convenio listo para ser aprobado polo pleno, esta é unha noticia nefasta coa que nos sentimos manipulados, enganados e esquecidos. O Concello do Porriño asumiu responsabilidade e compromisos históricos e agora o Goberno de España rompe unilateralmente un acordo técnico xa pechado”, sinalou o rexedor. Fíxoo nunha rolda de prensa ante os medios de comunicación na que trasladou o resultado da última xuntanza mantida con representantes de ADIF, o pasado mes de novembro. Nela, expúxose que a Dirección Xeral do Sector Ferroviario comunicáralle a ADIF que este proxecto non podía ser aprobado, xa que debía ser incluído no Estudo Informativo da Saída Sur de Vigo. “Cónstanos que ADIF amosouse contrariado e en desacordo con esta decisión a cal ademais nin o Ministerio tivo reparo de comunicarllo ao Concello directamente”.

O rexedor subliñou a importancia desta obra para a seguridade, a mobilidade e a cohesión urbana e criticou a decisión do Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, o que supón un bloqueo indefinido e prazos moito máis prolongados. O alcalde explicou que o proxecto estaba completamente redactado, con informes favorables de todas as administracións afectadas, e cun borrador do convenio xa listo dende marzo de 2024 pendente unicamente de ser aprobado polo pleno, por ser competencia do mesmo. “O orzamento definitivo estaba xa cifrado en máis de 28,6 millóns de euros dos cales ADIF aportaría o 72,2% e o Concello 27,8% restante, e pola nosa parte xa se estaba incluso estudando distintas vías de financiamento para asumir a aportación municipal de preto de 8 millóns de euros, máis os dous millóns a maiores para a humanización da contorna, contemplando para elo posibles fondos europeos ou operacións de crédito, para as cales xa se dera tamén o visto bo”.

“Ata o de agora, esta obra non se podía executar pola súa complexidade, pero contabamos cunha solución técnica moi traballada, consensuada con ADIF e que tiña en conta a participación económica do Concello, algo que historicamente nunca se formulara”, subliñou o rexedor. O Ministerio investiu 800.000 euros nun proxecto que agora deixa sen efecto e o concello destinou 20.000 euros ao proxecto de humanización futura do ámbito, pensando xa nun Porriño sen barreiras, “de que serviu todo este investimento público se agora se deixa tirado cando estaba a piques de asinarse? Como se xustifica destruír anos de traballo e cartos públicos?”.

O paso a nivel do Porriño soporta diariamente o cruce de 8.000 vehículos e ocupa o posto 16º en densidade de tráfico de toda a rede de ADIF en España, o que evidencia a súa importancia vital para a mobilidade local. “O proxecto estaba totalmente preparado, cun convenio pactado, informes favorables e solucións técnicas consensuadas. Esta paralización é unha sorpresa e unha situación lamentable”, insistiu o alcalde.

A decisión do Ministerio implica que non se poderán continuar os trámites administrativos para a firma final do convenio e que a execución do proxecto queda bloqueada ata que se complete o Estudo da Saída Sur de Vigo. Ante este escenario, o alcalde anunciou que o “Concello adoptará tódalas medidas necesarias para garantir a reactivación da obra nos termos pactados”. Ademais esixe igualdade de trato, denunciando un agravio comparativo que o Ministerio impulse un investimento de 22,6 millóns de euros para eliminar un paso peonil en Cesantes, con expropiacións xa en marcha, “como se entende que se lle dea prioridade a un paso peonil mentres se bloquea unha obra vital para a seguridade de miles de persoas?”, pregúntase o alcalde porriñés.

“Sempre dixen que nunca sacaría unha foto no paso a nivel ata anunciar un acordo e inicio das obras; sei que ese día chegará, pero para iso non se pode xogar coa xente como se leva feito moitos anos, prometendo e anunciando algo que nunca quixeron facer. O Porriño non vai calar. Defenderemos esta infraestrutura en todas as instancias, porque non imos permitir que se nos trate como un municipio de segunda. Non é unha batalla política, senón unha cuestión de seguridade, mobilidade e dignidade”, concluíu Alejandro Lorenzo.

Resposta á tarxeta postal enviada a Pedro Sánchez

Curiosamente no día de hoxe, o alcalde Alejandro Lorenzo recibiu, xusto antes de comparecer ante os medios esta mañá, unha carta de Presidencia do Goberno de España. A tarxeta postal, conmemorativa de Antonio Palacios, que o rexedor porriñés enviara o pasado 26 de setembro cando se presentou este deseño e tamén o cuño turístico, solicitando que se cumprira o soño da supresión do paso a nivel na vila, dando resposta a unha demanda histórica, tivo

Asinada pola Unidade de Atención e Resposta á Cidadanía, a misiva limítase a dar as grazas pola postal enviada, indicando que se remitirá copia do escrito ao Ministerio de Transporte y Movilidad Sostenible e de xeito paradoxal remata dicindo “esperando unha pronta solución para esta cuestión de tanta transcendencia para o desenvolvemento do seu municipio”.

NOVAS / CONCELLO
WhatsApp Image 2026-03-18 at 11.48.28.jpg
O Porriño encara a recta final para contar por fin cun auditorio moderno e versátil
A obra do futuro auditorio municipal avanza a bo ritmo e permitirá dotar ao Porriño dun espazo escénico de referencia, adaptado ás necesidades actuais da programación cultural e do tecido asociativo local.
WhatsApp Image 2026-03-18 at 14.32.19.jpg
O Multiusos de Torneiros acolle novos obradoiros para achegar a tecnoloxía á cidadanía
O Concello do Porriño, en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios, pon en marcha no Multiusos de Torneiros dous novos obradoiros de formación dixital dirixidos á veciñanza en xeral e ás persoas maiores de 60 anos. As actividades desenvolveranse durante o mes de abril en horario de mañá, con continuidade en maio e xuño, e requiren inscrición previa dentro dos prazos establecidos.
FOTO 1 (3).jpg
Sergio Rodríguez parte do Porriño con moita forza para disputar o Campionato de Europa Máster en Polonia
O atleta, que foi recibido polo alcalde, Alejandro Lorenzo, vén de conseguir dous ouros no Campionato de España Máster 35 de Pista Cuberta.
WhatsApp Image 2026-03-17 at 14.11.38.jpg
Adxudicadas as obras que mellorarán a rede de sameamento en Budiño
O investimento nesta actuación sitúase arredor dos 180.000 euros, consolidando unha mellora significativa das infraestruturas hidráulicas na parroquia de Budiño.
WhatsApp Image 2026-03-16 at 13.34.33.jpg
O Porriño pecha 2025 co maior superavit da historia: 7,46 millóns, con 11,5 milóns de remanente e sen facturas pendentes
O documento de liquidación orzamentaria ratifica a solvencia do Concello, que reduce o pago a provedores de 501 días en 2021 a un mínimo histórico de 38 días e elimina por completo as facturas sen aplicación orzamentaria
Canal de Denuncias Fondos Europeos
Canal de Denuncias Fondos Europeos
FOTO 1 (3).jpg
O Porriño acolle a presentación da biografía do empresario José Fernández López
A obra, galardoada co XXI Premio LID de Biografía Empresarial, reconstrúe a traxectoria dun empresario discreto pero decisivo, cuxa pegada segue presente décadas despois.
WhatsApp Image 2026-03-12 at 09.38.50.jpg
O Concello do Porriño remata as súas Xornadas formativas sobre alimentación saudable nos centros educativos da vila
As actividades, impulsadas pola Concellería de Sanidade e a OMIX no marco do Plan de Saúde Local e coa colaboración do Sergas, realizáronse en horario lectivo ao longo de catro xornadas nas que participaron case 400 alumnos e alumnas.