O Concello organiza unha sesión práctica sobre emprendemento e traballo transfronteirizo dentro do Programa Integrado de Emprego 2025/26
O
Porriño, 18 de febreiro de 2026.- O Concello do Porriño celebrou hoxe a xornada “Mobilidade Laboral
e Emprendemento Activo”, unha iniciativa
enmarcada no Programa Integrado de Emprego 2025/26, que reuniu a persoas
participantes co obxectivo de ampliar coñecementos sobre
autoemprego e explorar novas oportunidades laborais, tanto a nivel estatal como
internacional.
A sesión desenvolveuse en horario de 10.00 a 13.00 horas e
contou cun completo programa que combinou información práctica,
asesoramento especializado e orientación laboral.
Ademais,
o alcalde do Porriño, Alejandro
Lorenzo, e a concelleira de Emprego e Formación, Mª Teresa Veloso Castaño, quixeron estar presentes e deron a benvida aos
participantes. Durante a súa intervención, o rexedor puxo en valor
o esforzo municipal en materia de emprego e a importancia de ofrecer ferramentas
útiles ás persoas
desempregadas do municipio: “O emprego é unha prioridade
absoluta para este goberno local. A través do
Programa Integrado de Emprego estamos a ofrecer acompañamento, formación e oportunidades
reais ás persoas
desempregadas do Porriño. Queremos que
cada participante teña máis recursos, máis
confianza e máis posibilidades de acceder a un posto
de traballo ou mesmo de crear o seu propio proxecto empresarial”.
A continuación, Xurxo Rodríguez Olveira, do Polo de Emprendemento do Concello do
Porriño, abordou a
ponencia “O Emprendemento Activo. Retos e Oportunidades”, na
que se analizaron cuestións clave como o
perfil emprendedor, as competencias necesarias para iniciar un proxecto
empresarial, as axudas económicas dispoñibles para a posta en marcha dunha idea de negocio, os
recursos públicos de asesoramento, as deducións fiscais para o fomento do autoemprego e os nichos de
oportunidade na contorna máis próxima.
Tras unha pausa, a xornada continuou coa intervención de
Elisa González Pérez, conselleira EURES (EURopean
Employment Services) e EURES
Transfronteirizo da provincia de Pontevedra, quen centrou a súa
exposición na mobilidade laboral e no traballo transfronteirizo.
Durante a súa intervención explicou as competencias imprescindibles para traballar
fóra
de España, as características e obrigas do
traballo transfronteirizo, as condicións laborais no
norte de Portugal, así como as axudas á mobilidade, especialmente nos primeiros momentos, e as
oportunidades de prácticas profesionais
noutros países.
Programa Integrado de Emprego (PIE)
Esta xornada forma parte do Programa Integrado de Emprego
(PIE) 2025/26, que conta cun investimento total de 275.000 euros. O 80% do
financiamento é achegado pola
Consellería de Emprego,
Comercio e Emigración, dependente da
Xunta de Galicia, mentres que o Concello do Porriño
asume o 20% restante.
A iniciativa estase a desenvolver durante 12 meses, desde
outubro de 2025 ata outubro de 2026, e permite formar a 100
persoas desempregadas do municipio. O obxectivo de inserción
laboral establecido pola Xunta sitúase nun mínimo do 42%, unha porcentaxe que nas edicións anteriores non só se acadou, senón que foi superada.
O PIE inclúe accións de
orientación individualizada, formación para o emprego en
especialidades do Catálogo do SEPE
adaptadas ás ocupacións máis demandadas na
contorna, técnicas de coaching
e intelixencia emocional, obradoiros de habilidades sociolaborais, preparación de entrevistas, fomento do emprendemento, prospección
empresarial, intermediación laboral e prácticas non laborais.
Con este tipo de iniciativas, o Concello do Porriño reforza o seu compromiso coa empregabilidade, apostando
por unha atención integral e
personalizada que facilite a inserción laboral efectiva
das persoas participantes e contribúa ao
desenvolvemento económico e social do
municipio.