Máis do 70% dos participantes do Plan Integrado de Emprego conseguiron un contrato de traballo

O Concello fai un balance positivo do PIE no seu acto de clausura apostando pola formación adaptada ás necesidades reais do mercado laboral

Ao longo dun ano impartíronse preto dun milleiro de horas de formación e realizáronse máis de 900 sesións de orientación

 O Porriño, 24 de setembro de 2025.- Unha etapa e experiencia profesional nova é a que suman dende hoxe o cento de persoas participantes no Programa Integrado de Emprego (PIE) do Concello do Porriño. Péchase unha fase, a iniciada en outubro do pasado ano cando comezaron este programa formativo, e ábrese outra, a que afrontan a partir de agora, máis preparados e cualificados para acceder ao mercado de traballo.

O resultado máis inmediato e notable é que 72 das 100 persoas participantes foron contratadas ao longo do programa, superándose tamén o obxectivo comprometido coa Xunta de Galicia de acadar o 40% de inserción laboral. E é que este programa ao igual que outros en materia de emprego e formación foi financiado na súa maior parte polo executivo autonómico. Nesta ocasión, o Programa Integrado de Emprego contou cunha inversión total de 275.000 euros, dos cales 220.000 son financiados pola Xunta e a cantidade restante asumida polo Concello.

"Estamos moi satisfeitos cos resultados deste programa, que demostra que cando traballamos de forma coordinada e con compromiso somos capaces de transformar a realidade laboral das nosas veciñas e veciños. O feito de que máis do 70% dos participantes conseguiran xa un contrato de traballo supera as nosas expectativas, máis aínda tendo en conta que o prazo para completar o obxectivo de inserción marcado pola Xunta aínda vai máis alá do peche oficial do programa, polo que esta cifra de inserción será superior”, explicou o alcalde Alejandro Lorenzo durante o acto de entrega de diplomas, esta mañá no Multicentro de Torneiros, ao que asistiu tamén a concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas.

“O resultado do PIE reflicte o esforzo tanto do Concello como da Xunta de Galicia para ofrecer formación de calidade e oportunidades reais de emprego. Sen dúbida, seguiremos apostando por iniciativas que favorezan a inserción laboral e o desenvolvemento económico do noso municipio, formando ás persoas en base ás demandas do tecido empresarial máis próximo, atendendo así ás necesidades de ambas parte", subliñou o rexedor local.

A concelleira explica que para levar a cabo este programa tívose en conta o perfil dunhas 1800 persoas desempregadas. Delas, unhas 280 foron as que participaron no proceso de selección, das cales resultaron as 100 que máis interese amosaron e as que finalmente participaron no programa, pertencentes  todas elas aos colectivos de:  menores de 30 anos sen cualificación, vítimas de violencia de xénero, persoas con discapacidade, desempregadas de longo duración, maiores de 45 anos e mulleres en xeral, de feito é a destacar a alta porcentaxe feminina entre os participantes, 79 de 100.

Logo da selección do alumnado realizáronse entrevistas individuais e grupais e leváronse a cabo distintos itinerarios formativos e formacións transversais que supuxeron un total de 981 horas, ás cales hai que sumar máis de 900 sesións de orientación e titorización. 

Dado que o obxectivo fundamental do Programa Integrado de Emprego  é a inserción laboral, o alumnado tamén realizou prácticas profesionais non laborais en diversas empresas da contorna, nas cales unha vez rematado ese período, algúns deles conseguiron un contrato de traballo. Por outra banda, tamén é a destacar o autoemprego, pois tres das persoas participantes emprenderon o seu propio negocio, “o que supón un valor engadido ao programa”, subliñou a concelleira que incidiu na “importante mellora da empregabilidade de tódalas persoas participantes no PIE, mellorando para elo as súas habilidades e competencias a través das diferentes accións levadas a cabo”. 

Desde o servizo municipal de Porremprego seguirase traballando para ofrecer itinerarios formativos e prácticas en empresas que facilite a inserción laboral da veciñanza.