O prazo de presentación de solicitudes de inscrición para as escolas infantís públicas do Porriño, adscritas á rede "Galiña Azul" da Xunta de Galicia, está aberto dende o pasado sábado 16 de maio e finalizará o ventes 29 de maio.
O Concello do Porriño, a través da Concellería de Educación e da Oficina Municipal de Información á Xuventude, participa dende o pasado martes e ata o vindeiro 2 de xuño, nun ciclo de seminarios “on line”, promovidos a nivel nacional por UNICEF. O obxectivo é mellorar a atención á infancia e á mocidade no contexto actual de crise pola pandemia do “Covid-19”.Os gobernos locais expoñan as súas respectivas experiencias explicando como están a actuar para mitigar os efectos da crise económica nos sectores máis desfavorecidos.
O goberno municipal convocou hoxe, a partir das 17 horas, a representantes de diversos sectores da economía local para escoitar as súas necesidades de axuda para a reactivación. Están convocados representantes da Asociación de Comerciantes e Industriais de Porriño (ACIPOR); da Asociación de Hostalaría; praceiras do Mercado de Abastos, taxistas e autónomos. Despois, a partir das 19 horas, está convocada unha xunta de voceiros do grupos municipais para determinar os asuntos que se tratarán nun vindeiro pleno da Corporación. Entre eles, as modificacións orzamentarias de diversas partidas que non se empregarán e serán redirixidas para axudas sociais e para reiniciar a economía local.
Hoxe realizouse en catro centros docentes do municipio. As imaxes corresponden á entrega realizada a pais e nais de alumnos do CEIP Antonio Palacios, en Torneiros. Alí correspondían 38 "routers" e outras tantas tarxetas de conexión a Internet de 60 GB.
Hoxe a concelleira de Educación, Lourdes Moure convocou e fixo entrega aos directores dos centros docentes, dos routers e tarxetas para que os alumnos que carecen de conexión a Internet, poidan seguir as clases en igualdade de condicións co restos dos seus compañeiros.Unha vez dimensionadas as necesidades por cada centro de ensino, o Concello tivo que adquirir 250 routers e outras tantas tarxetas de conexión (“pinchos” ou “pen drives”) de 60 GB.
O Concello do Porriño, a través da Concellería de Educación e da Oficina Municipal de Información á Xuventude (OMIX), participou hoxe nun encontro telemático con técnicos municipais de 90 concellos de toda España, promovido por UNICEF. O Porriño estivo representado por Noelia de la Fuente, responsable da OMIX. Ao respecto deste encontro, Lourdes Moure, concelleira de Educación, indicou “somos conscientes que despois desta pandemia, a dinamización de espazos virtuais será un punto de referencia para os procesos de participación infantil e xuvenil”.A reunión serviu para intercambiar experiencias e procesos de participación da poboación infantil e adolescente, nas circunstancias actuais, empregando técnicas de dinamización a través de espazos virtuais. A responsable da OMIX do Porriño explicou aos seus colegas as diversas iniciativas que teñen posto en marcha para infancia, mocidade e público en xeral durante o actual estado de alarma e que se poden consultar na web e redes sociais do Concello
Finalmente o Concello do Porriño non terá que mercar ordenadores portátiles pero si, en cambio, 260 'pen drives' ("pinchos") de conexión á Internet para outros tantos alumnos de institutos e colexios da vila para que poidan ter acceso ao ensino por vía telemática e rematen o curso en igualdade de condicións cos seus compañeiros. Así determinouse hoxe na segunda reunión que celebraron os directores dos centros docentes do Porriño e Lourdes Moure, concelleira de Educación. Unha vez identificadas as necesidades, renunciouse a mercar ordenadores por que cos existentes nos centros docentes da vila pódese atender á demanda de nenos e mozos que carecían deles nos seus fogares. Pola contra, é perentoria a necesidade de procurarlles conexión coa Rede para que poidan incorporarse ao ensino "on line" que están a continuar os seus compañeiros. O Concello solicitou presuposto a varios provedores para determinar custes da adquisición deses 260 'pen drives' con conexión a Internet por 3 meses.Por outra banda nesta reunión de hoxe tamén acordouse que coa colaboración da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Concello, os centros docentes entregarán aos pais, nais e titores dos alumnos o material de ensino e libros deste terceiro trimestre do curso que non se retiraron pola suspensión das clases dende o 16 de marzo. Por cada centro docente, dacordo co Concello, determinaranse datas e horas de entrega dese material.
A Concellería de Educación e a Oficina Municipal de Información á Xuventude (OMIX) propoñen á infancia e mocidade de Porriño diversas actividades de tempo libre a realizar para seguir quedando na casa, agora que chega a fin de semana.Tratase de traballos manuais, pasatempos e xogos que se ofrecen a través do enlace coa páxina web de "Cinedomevr360º" , plataforma que colabora coa Concellería de Educación e coa OMIX do Porriño en diversas actividades formativas e de lecer.Agardamos que sexa do voso gusto.
O Concello do Porriño, a través da OMIX (Oficina Municipal de Información á Xuventude), está a colaborar coas actividades do 17 de abril, Día Europeo da Información Xuvenil. A OMIX está a colaborar na difusión da actividade proposta pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social. “Aínda que nestes momentos estamos confinados polo andazo do ‘Covid-19’ que isto non nos desanime e poidamos facer unha programación física para celebrar de xeito virtual esta data”, manifestou Cami Moreira, concelleira de Xuventude.Deste xeito a OMIX apoia a campaña “Un minuto de información xuvenil” que propón que cada mozo e moza do Porriño grave e envíe un vídeo de 60 segundos no que resuma o que significa para ti a información xuvenil e o que se está a facer nese eido durante esta situación de confinamento.Os vídeos poderanse enviar ao enderezo electrónico: información.xuventude@xunta.gal e serán colgados na conta de Instagram da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta @xuventudegalicia , a partir do venres 17.
A Concellería de Educación e as direccións dos centros de Primaria e Secundaria do vila establecerán as necesidades que poden atenderse dende o Concello para equilibrar a participación de todos os alumnos no ensino por vía telemática como consecuencia da prórroga do estado de alarma sanitaria. Segundo estableceuse hoxe nunha reunión mantida por Lourdes Moure, concelleira de Educación cos directores dos centros docentes no salón de plenos e coas garantías hixiénicas necesarias, o Concello de Porriño non vai a realizar e repartir fotocopias de apuntes entre os alumnos de familias que carezan de posibilidades de conexión coa Rede e de ordenadores nas súas casas, como se está a facer nalgún concello da contorna. “Entendemos que esa fórmula non equilibra senón que agudizaría os desequilibrios”, explicou Moure Varela. De tal xeito que o vindeiro venres 17, a concelleira responsable reunirse cos directores dos centros educativos que xa aportarán listados identificando as necesidades que se precisan atender. O Concello do Porriño encargarase de aportar ordenadores portátiles e “pinchos” aos centros educativos para que os fagan chegar aqueles nenos e mozos cuias familias carezan de medios telemáticos ou de conectividade.Disporase dos ordenadores que hai nos centros, renovaranse cargadores externos e mercaranse portátiles e “pinchos” con conexión a Internet por 3 meses que se facilitarán en préstamo ás familias. Cando remate o estado de alarma, ordenadores e demais material devolverase e quedará en depósito nos centros educativos. O Concello “afrontará este gasto extra dispoñendo fondos dunha subvención outorgada pola Deputación Provincial ante esta situación de emerxencia que debemos afrontar aínda que se trata dunha competencia que correspondería á Consellería de Educación da Xunta de Galicia”, indicou Lourdes Moure.
O Concello do Porriño comunica a cancelación definitiva de actividades educativas que estaban programadas para os meses de abril e maio nos centros educativos, a consecuencia de manterse o confinamento pola prórroga do estado de alarma a causa da pandemia do “Covid-19”.
Para axudar a levar mellor a corentena, a Biblioteca Municipal do Porriño non pecha en internet e traballa ofrecendo unha selección de contidos, lecturas e recursos "online "que de seguro farán máis levadeiro este necesario confinamento.Deixamos o enlace coa web do departamento de Cutura e coa propia Biblioteca Municipal para que poidan consultar as diferentes propostas e suxerencias.