Miguel Pérez e Natalie Revero impóñense na Nocturna porriñesa

Máis de 300 ciclistas déronse cita este sábado nas vibrantes rúas do centro do Porriño para participar na clásica "A Nocturna", un evento que desde hai 54 anos abre a programación das Festas do Cristo. A competición, organizada polo Club Master Louriña en colaboración co Concello do Porriño, tense consolidado como unha das probas ciclistas máis emocionantes do calendario nacional. A competencia é dura, pero o apoio do público motiva aos participantes para dar o mellor de si. Unha carreira intensa na que cada volta é un desafío.

O triunfo na absoluta masculina foi para Miguel Pérez, do conxunto moañés High Level-GSport. O podio completouno o seu compañeiro de equipo Ricardo Martín Buba e pechouno Octavio Iván Salmón, do Retelec-Ambilamp.

Na absoluta feminina, Natalie Revelo, do equipo portugués Matos Mobility – Flexaco Cycling Team, alzouse coa vitoria. O segundo lugar foi para outra ciclista do conxunto luso, Agostina Reyes e o terceiro para a local, Chus Barros, do Supermercados Froiz quen tamén demostraron un gran nivel.

A competición desenvolveuse ao longo da tarde e estendeuse ata ben entrada a noite. Ás 16:00 horas, deuse a saída ás primeiras categorías. Son un total de 22, o que converte a "A Nocturna" na única proba ciclista de España que abarca todas as categorías. A carreira, ao estilo americano, eliminou corredores en cada volta, mantendo aos espectadores en pé ata o final.

Nas principais categorías impuxéronse Marcos Pérez e Agostina Reyes Perdomo, en Sub-23, Aarón Areas e Antía Torres, en infantil, Anxo Delgado e Irene Signo, en cadete, e Ignacio Manbran e Natalie Revelo, en Junior.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, expresou a súa satisfacción pola alta participación e o ambiente que unha vez máis se xerou en “'A Nocturna” xa que non só é unha proba deportiva, senón unha tradición que os porriñeses vivimos con emoción”. E quixo mostrar o seu agradecemento ao Club Master Louriña e a todos os voluntarios que a fan posible cada ano.