• O obradoiro está aberto a toda a poboación a partir de 16 anos e celebrarase os xoves de marzo a maio
• As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición na Biblioteca Municipal, tendo preferencia aquelas censadas no Concello do Porriño
O
Porriño, 17 de febreiro de 2026.- O Concello do Porriño, a través da
Biblioteca Municipal, pon en marcha o obradoiro “Libros
que latexan”, unha proposta de expresión e creación que convida á veciñanza
a transformar a lectura nunha experiencia viva a través das artes escénicas,
especialmente o teatro e a narración oral.
A actividade desenvolverase no Centro
Cultural Municipal do Porriño, concretamente na Biblioteca, consolidando este
espazo como auténtica “casa dos libros”: un lugar de encontro, relación,
aprendizaxe permanente e intercambio creativo que contribúe ao desenvolvemento
persoal e colectivo.
O obradoiro, que constará de oito sesións,
celebrarase os xoves de 18.00 a 19.30 horas nas seguintes datas: 5, 12 e 26 de
marzo; 9, 16, 23 e 30 de abril; e 7 de maio de 2026. A última sesión incluirá unha
mostra final aberta ao público co material traballado ao longo do proceso.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia desta
iniciativa cultural, que promove a participación e reforza o papel da
biblioteca como motor social: “Queremos que a nosa Biblioteca sexa moito máis
que un lugar de préstamo de libros; queremos que sexa un espazo vivo, onde a
cultura se comparta, se experimente e se cree en comunidade. ‘Libros que
latexan’ representa perfectamente esa filosofía: ler, sentir e transformar as
historias en experiencia compartida”.
A formación será impartida por Ana Abad de Larriva, coordinadora e dinamizadora do
club de lectura municipal. Ademais de ter experiencia desenvolvendo diferentes
actividades de animación sociocultural e teatral, mediación e comunicación
cultural; é escritora, actriz, cantautora, creadora e docente de artes escénicas,
con formación superior en Arte Dramática e unha tese doutoral en Comunicación e
Artes Escénicas. A súa experiencia garante un enfoque pedagóxico rigoroso,
participativo e adaptado ás persoas asistentes.
O programa estrutúrase arredor de oito
eixes temáticos —o latexo do espazo, das palabras, do corpo, da memoria e da
voz, entre outros— que se interrelacionarán nun proceso lúdico e progresivo,
combinando lectura sensorial, escritura creativa e expresión oral e corporal.
Ademais do seu valor cultural, a
actividade contribúe aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030
impulsada pola ONU, especialmente aqueles vinculados coa saúde e o benestar, a
educación de calidade, a igualdade de xénero e a redución das desigualdades.
O obradoiro está aberto a toda a poboación
a partir de 16 anos, promovendo o diálogo interxeracional. As persoas
interesadas poden formalizar a súa inscrición na Biblioteca Municipal, tendo
preferencia aquelas censadas no Concello do Porriño.
Con esta iniciativa, o Concello reafirma
o seu compromiso cunha cultura viva, participativa e transformadora, na que os
libros non só se len, senón que tamén se escoitan, se senten e, sobre todo,
latexan.