O deportista Daniel Fernández fai unha parada no Porriño na súa ruta de 180 quilómetros en bici, nun so día, para darlle visibilidade ao Alzheimer

Daniel Fernández Cerzón fixo unha parada este venres no Porriño na ruta que comezou hoxe e e que ten coma obxectivo darlle visibilidade ao Alzheimer e, ao tempo, recadar fondos para a Asociación Galega de Familiares de Enfermos de Alzheimer (Afaga).

O deportista de Gondomar, que saíu de Vigo ás 9 e media da mañá tiña coma desafío facer 180 quilómetros en bicicleta seguindo por Redondela, Mos, Porriño, Ponteareas, Salceda, Tui, A Guarda e Nigrán e volvendo a Vigo.

Daniel, que foi recibido diante do Concello pola alcaldesa, Eva García de la Torre, a concelleira de Igualdade e Benestar, Soledad Girón, o concelleiro de Comercio, Medio Ambiente e Urbanismo, Marcelino Coto, e o presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez, ademais doutros representantes da asociación, xa completara outros dous desafíos igual de duros: o pasado mes de maio estivo correndo 24 horas sen parar por Praia América e o mes pasado fixo o mesmo no Parque de Castrelos, en Vigo.