O Concello do Porriño habilita un novo aparcamento no casco urbano con capacidade para un cento de vehículos

Trátase de dúas parcelas que suman unha superficie duns 2.000 m2, situadas preto do paso a nivel, a dous minutos a pé da praza de abastos e da zona peonil

A vila suma, no último ano medio, máis dun milleiro de prazas de estacionamento gratuíto

O Porriño suma preto dun cento de novas prazas de estacionamento gratuíto no casco urbano. No último ano e medio dende o Concello estase a xestionar a consecución de diversas parcelas, mediante a sinatura de convenios cos seus propietarios, co fin de habilitalas como aparcamento público de vehículos. Terreos todos eles situados en lugares estratéxicos, en diferentes puntos de acceso á vila ou incluso céntricos como é o último caso.

Trátase de dúas parcelas que suman unha superficie aproximada duns 2.000 metros cadrados situadas en paralelo á vía do tren, próximas ao paso a nivel, con acceso dende as rúas Avelino Villasuso e Foz. “Coa apertura deste novo aparcamento damos resposta ao comercio da zona peonil e sobre todo tamén á praza de abastos ”, subliña o alcalde Alejandro Lorenzo. Xunto co habilitado na rúa Progreso, este é o máis preto ao mercado, situándose a uns escasos 200 metros, apenas un par de minutos a pé.

Estes días estase a levar a cabo a posta a punto dos terreos con labores de desbroce e limpeza, aproveitando que están tamén en activo as obras de humanización e mellora das rúas Bos Aires e Progreso.

Con este novo cento de prazas novas son xa máis dun milleiro as dispoñibles na vila, distribuídas en varias parcelas que se localizan en tres zonas. Ao norte, próximas á autovía A-52 e á N-120, habilitáronse dúas que dan servizo a toda esta área onde se sitúan dous colexios, un instituto e preto tamén do centro de saúde, xulgados e escola infantil. Na parte sur da vila disponse de catro parcelas na rúa Leandro Diz. E no acceso próximo á autovía A-55 e ao nó coa PO-331 están este da rúa Avelino Villasuso e o da rúa Progreso, o máis grande, de máis de 14.000 metros cadrados.

“O problema de aparcamento que había no Porriño prexudicaba gravemente ao tecido comercial e hostaleiro e tamén á veciñanza, que cando quería vir ao casco urbano atopábase sempre con dificultades para aparcar”, explica o alcalde, Alejandro Lorenzo. Con todos estes novos espazos, acondicionados para o estacionamento de vehículos, erradícase o problema, facilitando así á cidadanía o seu desprazamento ao centro da vila, o que á vez beneficia tamén ao comercio, hostalería e a todos os negocios da localidade.