Concello de Porriño celebra que Patrimonio desbloquee a reconstrucción da capela de San Campio en Pontellas que se iniciará cunha subvención municipal de 50.000 euros

Eva García, alcaldesa de Porriño vén de recibir notificación da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia que comunica que levanta a cautela que establecera meses antes e que, polo tanto, por fin autoriza a reconstrucción da capela de San Campio, na parroquia de Pontellas.

Deuse a coincidencia de que o Concello de Porriño recibiu a notificación de Patrimonio xusto na mesma tarde que ocurría o gravísimo lume que afectou onte a catedral parisina de Notre Dame. Como no caso do templo francés, en Pontellas a capela de San Campio resultara gravemente afectada por un lume que se declarou na tarde do 16 de xullo do ano pasado, en plenas festas patronais. As lapas destruiron o teito e a estructura interior da capela e tamén bancos e algunhas das tallas religiosas.

Eva García agarda que as obras poidan acometerse o máis cedo posible para o que compre resolver o proxecto de reconstrucción que financiou o Concello de Porriño que ademáis aporta unha subvención de 50.000 euros que xa comprometera a alcaldesa cos vecinos e o párroco de Pontellas.

A ermita de San Campio, datada en 1838, “ten un valor moi importante para o patrimonio cultural e histórico de Porriño polo que a súa recuperación resulta primordial para este goberno municipal”, sinalou Eva García.